Expontáneas é un proxecto de intervencións artísticas en espazos diverxentes.

Arte e espazo público como binomio artístico para reler a contorna, desde a periferia, desde a non centralidade (cando non desde a exclusión), desde a invisibilidade.

Potencia emerxente.

O obxectivo de Expontáneas é xerar narrativas non predeterminadas sobre o espazo urbano, incidir en novos formatos e prácticas artísticas; motivar a reinterpretación dinámica do procomún.

Crise.

Alimentar expresións artísticas aloxadas máis aló das formas académicas, co obxectivo de interpretar a cidade como un espazo performativo en constante evolución.

Prácticas dialóxicas. Diálogos horizontais entre contedor e contido. Cuestionamento radical das concepcións establecidas sobre o que debe ser a arte, dos seus lugares de implementación.

Hibridación.

Expontáneas busca camiñar na dirección de lles achegar a arte aos públicos facendo fincapé nas estratexias de mediación como vehículos para lograr que a arte sexa algo cotián, un elemento activo na vida diaria das persoas. Converter a cidade nun espazo de experiencias, de cuestionamentos, entendéndoa coma un espazo para a práctica, para o xogo e para a creatividade.

En Expontáneas falamos de instalacións audiovisuais, performances, intervencións gráficas, experimentos sonoros, concertos, pezas interactivas, arte efímera, publicidade de guerrilla, esculturas cinéticas, artes do movemento e, en xeral, todo tipo de creacións con vocación de interacción coa contorna, de crise e de transformación.

Calquera espazo público será susceptible de ser intervido, reinterpretado, hackeado.

Expontáneas busca o límite da cidade.

RESUMO DE BASES

A.Contido das intervencións

Os proxectos de intervención artística responderán á filosofía integradora e participativa do arte público e buscarán a recuperación do valor do espazo cotián a través do feito artístico. Ademais, deberán cumprir as seguintes condicións:

1) Pertencer ao ámbito das artes visuais (escultura, graffiti, instalación, pintura, videoarte, etc.), das artes escénicas (danza, teatro, música, etc.) ou do deseño (arquitectura, paisaxismo e urbanismo). Os proxectos poderán fusionar elementos pertencentes a diferentes disciplinas artísticas.

2) Ter carácter orixinal ou inédito, e non ter sido presentados anteriormente nin expostos ao público.

3) Ter carácter efémero, sen provocar ningún impacto permanente no espazo público.

B.Participantes

Poderán participar no programa os artistas que na data de finalización do prazo de presentación de proxectos teñan unha idade comprendida entre os 18 e os 35 anos ou aquelas entidades xurídicas sen ánimo de lucro cuxo proxecto o leven a cabo persoas que cumpran este requisito de idade.

C.Temporalidade

Os proxectos de intervención artística terán unha duración comprendida entre os tres e os sete días e se desenvolverán entre os meses de marzo e xuño e setembro e decembro de 2016.

Cachés dos proxectos

1) O caché do proxecto será fixado libremente polo artista, cun importe máximo de 1500 euros, impostos incluídos.

2) O prezo do contrato incluirá os traballos necesarios para a reposición do espazo público ao seu estado orixinal á finalización do servizo.

Condicións da prestación do servizo

3) Os proxectos de creación artística terán carácter público e gratuíto, e non se poderán desenvolver en espazos de acceso restrinxido.

4) As persoas prestarán os servizos artísticos de conformidade coa proposta técnica presentada, co establecido nestas bases de convocatoria e coas directrices e orientacións establecidas polo Servizo de Cultura.

5) As variacións no proxecto orixinal deberán ser aprobadas expresamente polo Concello da Coruña.

6) Os adxudicatarios deberán manter activo durante todo o proceso de desenvolvemento do proxecto unha canle de comunicación activa a través das redes sociais de Expontáneas coa información sobre a conceptualización, deseño, produción, implementación e impacto, que deberá contar con cando menos unha entrada diaria.

D.Lugar e prazo de presentación de solicitudes

Lugar

As propostas presentaranse, xunto coa documentación requirida, en calquera dos rexistros municipais ou por calquera outro medio previsto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

Se alguen presenta a solicitude nalgún dos lugares recollidos na normativa, diferente a un rexistro municipal deste Concello, deberá de enviar un email a info@expontaneas.gal nas datas previstas para a recepción de solicitudes indicando dito extremo. Neste caso a solicitude e a documentación dirixirase a:
Expontáneas 2016
Concello da Coruña.
Praza de Maria Pita, 1
15001 A Coruña

Prazo

O primeiro prazo de presentación de propostas, para os proxectos a desenvolver entre os meses de abril e xuño, será do 02 ao 17 de marzo.

O segundo prazo de presentación de propostas, para os proxectos a desenvolver entre os meses de setembro e decembro, estará aberto entre o 1 e o 31 de maio de 2016.



DESCARGA AS BASES COMPLETAS DO PROGRAMA

Bases


  

Idiomas