Cousa de Elviña

Artista: Ergosfera

Datas de execución: Xornada de actividades: 22 de xuño / Instalación: do 27 de xuño ao 01 de xullo

Espazos:

Xornada de actividades: 22 de xuño  
S.R.D.C. Tempo Novo (Praza de Emilio Jaspe Deza), San Vicenzo de Elviña
Instalación: Do 04 ao 22 de xullo:
Palacio Municipal do Concello de A Coruña (María Pita): Do 04 ao  8 de xullo.
Concellaría de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda (Monte Alto): Do 11 ao 15 de xullo
Sede do Ministerio de Fomento na Coruña (Polígono de Elviña): Do 18 ao 22 de xullo.


Dende hai máis dunha década, un dos grandes conflitos urbanísticos na Coruña é o que enfronta á veciñanza de Elviña co Plan Parcial do Parque Ofimático, un proxecto de desenvolvemento residencial de iniciativa pública que exemplifica á perfección algúns dos graves problemas e inxustizas que xera o urbanismo na actualidade. Ademais, outro proceso urbanístico, o proxecto de ampliación da avenida de Alfonso Molina, xerou dende hai un tempo unha nova ameaza para Elviña, un lugar, en realidade, xa habituado aos conflitos urbanísticos derivados da súa condición de núcleo de orixe preindustrial e da súa localización no borde da cidade central: o territorio de Elviña xa foi moi transformado no último século pola propia avenida, o Campus Universitario, o polígono de Someso e outras grandes pezas urbanas expulsadas cara a periferia. Elviña é, polo tanto, unha auténtica zona quente para as transformacións urbanas e un campo experimental sobre a relación entre a técnica urbanística e os omnipresentes núcleos de orixe rural en Galicia.

O proxecto Cousa de Elviña consistirá na produción, difusión e debate público dun informe técnico sobre por que non se deben desaloxar e destruir dúas das vivendas ameazadas polos plans urbanísticos para Elviña, e materializarase mediante a súa exposición en formato gráfico nos centros institucionais onde se decidirá o seu futuro: o Concello da Coruña, a Concellaría de Rexeneración Urbana e Dereito a Vivenda e a sede do Ministerio de Fomento na Coruña.

Non obstante, aínda que o documento se centrará principalmente no caso destas dúas vivendas (situadas na avenida de Alfonso Molina: a de Pilar e a de Luis e Pilar, tamén coñecidas como as da Pereiroa), o proxecto formúlase como alegato á totalidade dos plans para o ámbito de Elviña afectado.

No informe, que será tamén entregado ás entidades sociais que levan anos apoiando a loita da veciñanza de Elviña (como as plataformas Elviña Non Se Vende ou Stop Desafiuzamentos A Coruña), exploraranse as posibilidades da teoría urbana contemporánea para aportar argumentos técnicos que demostren a relevancia destas dúas simples casas:

– Desde a perspectiva do urbanismo, estas dúas casas representan a resistencia e a memoria, por unha parte, ante a inxustiza dos sistemas de desenvolvemento urbano convencionais (que poden acabar endebedando e convertendo en promotores involuntarios á veciñanza que non quere abandonar as súas casas sen un motivo de interese público obxectivo); e por outra, ante a irracionalidade do urbanismo da tabula rasa, insensible ante todo o preexistente e aínda así ineficaz para lograr os seus fins (o proceso urbanístico do Parque Ofimático comezou hai máis de 25 anos e, como case todo o urbanismo municipal, está amplamente xudicializado).

– Desde a perspectiva da urbanidade, estas dúas casas son unha parte fundamental da realidade urbana de Elviña, xa que converten á avenida nunha rúa do núcleo, e representan a integridade de Elviña como forma urbana transxénica e difusa que non pode reducirse a unha burbulla patrimonial perfectamente delimitada (como se fixo en Eirís de Abaixo). Ademais, estas dúas pezas son unha singularidade tipolóxica, formal e funcional en Alfonso Molina, polo que son elementos importantísimos para asegurar a complexidade e a diversidade no futuro da gran avenida por excelencia da Coruña.

O documento, que terá un formato panel, será exposto tamén en Elviña e, na data indicada, realizarase unha xornada de actividades na que se fará unha ​presentación​ dos resultados do traballo e un ​roteiro​ polo ámbito de Elviña ameazado polo plan parcial e a ampliación da avenida. Por último, como fin da xornada, terá lugar un ​debate público​ coa veciñanza e calquera persoa interesada sobre as alternativas ao plan parcial que contemplen a conservación das vivendas, as árbores e parte das trazas camiñeiras e catastrais ameazadas.

A intervención urbana formulada ten quizais uns obxectivos pouco relevantes na súa materialización formal, pero moi ambiciosos en canto á fenda que tenta abrir: a ​introdución de dúbidas​ no pensamento institucional sobre o valor e a lexitimidade destas cousas urbanas sen importancia aparente. Trátase, en definitiva, dunha forma de axudar á veciñanza (a través dun material que o sistema académico non considera investigación, pero que as lóxicas culturais contemporáneas poden chegar a considerar “arte”) a ​posibilitar o cambio dos plans urbanísticos​ para Elviña.